As festas e mailas tradicións galegas pasan diante nosa sen facer ruido, algo moi propio dos galegos...que sen estar, estamos en todo.
E sen cambiar de póla, imos de estrea: Novembro. E xa o di o refrán: Bendito o mes que empeza con Tódolos Santos e remata con San Andrés. Qué sería de nós sen os Martiños e cadanseus porquiños; sen as castañas roubadas ó veciño e asadas no lume de cen pólas; sen os cocidiños dos domingos que tan ben contrarrestan as coceduras dos sábados; dunha boa taza de caldo para apacigua-lo catarro.
Tempo de arrexuntamento ó redor da lareira, de lembranzas, de frío e días curtos.
Un mes "meigalleiro" que empeza con mortos e vai paseniño cara o San Andrés de Teixido...Teño a teima de crer, que por algo será.